ALOIA EMPANADARÍA
aloia empanadaría
Aloia Empanadaría preséntase como un obrador familiar de comida tradicional para levar, que muda a súa localización dende o Monte Aloia ata Guillarei (Tui). A súa forma de traballar continúa a ser fundamentalmente artesanal, mantendo os procesos de sempre que lle dan identidade aos seus produtos e reforzan a confianza da clientela habitual.
O novo local aposta por unha decoración en madeira, cores cálidas e toques de verde, cunha intención clara: trasladar un anaco do monte ao interior do espazo. A carta estará centrada na cociña tradicional galega, onde a empanada seguirá sendo o produto estrela e o mellor embaixador do seu xeito de facer.
O deseño da nova identidade corporativa busca ser enxebre e evocador, conservando o vínculo emocional co entorno natural do que naceu.
Proxecto
A creatividade aposta por transmitir natureza, tradición e elaboración artesanal, valores fondamente ligados á cociña caseira que caracteriza ao proxecto. A preferencia por un símbolo refórzase como eixo principal da gráfica, permitindo condensar nunha marca sinxela e recoñecible todo o universo que define ao negocio: proximidade, autenticidade e o sabor de sempre.
O peso recae sobre un gran sombreiro de chef que presenta o identificador. Os trazos irregulares que se pisan falan da man que crea, facendo un paralelismo coa persoa que cociña, que depende da súa man para o resultado do produto.
É un grafismo moderno e actual, cunha tipografía orixinal, que introduce unha “M” como unha montaña na palabra “empanadaría” que nos lembra ao Monte Aloia.
Traballo realizado
Creación de marca
Deseño packaging
Rotulación local
Carta de produtos

